xunta-galicia_cs

Constitúe para min un inmenso orgullo dirixirme ao profesorado e alumnado da Universitá degli Studi di Perugia con motivo da reapertura, no curso 2016-2017, do seu Centro di Studi Galeghi, un proxecto académico e cultural que ten por obxecto estudar, investigar, mostrar e pór en valor a rica e variada realidade lingüística, literaria e cultural de Galicia en Italia, un obxectivo ao que veñen contribuíndo tamén, dende hai moitos anos, a Università degli Studi di Padova e a Università degli Studi di Roma “La Sapienza”.
O galego é unha lingua románica con máis de 2 millóns de falantes no momento presente e o código lingüístico co que se edificou unha rica tradición literaria –que se remonta a 800 anos atrás– na que non faltan pezas de ouro de innegable valor. Trátase, en definitiva, dunha lingua que serviu e serve hoxe de medio de comunicación eficaz do pobo galego e é vía de expresión dun xeito orixinal de ver o mundo que se fraguou a partir das vivencias milenarias dos habitantes de Galicia.

O Goberno de Galicia ten entre os seus obxectivos alentar e apoiar iniciativas que perseguen o achegamento ao feito lingüístico e cultural galego de persoas foráneas ou procedentes de patróns culturais máis ou menos distantes. Por fortuna, en numerosos casos conta, para este cometido, coa axuda inestimable de institucións académicas como a Universitá degli Studi di Perugia e de persoas como Carlo Pulsoni e Marco Paone, profesores do Dipartamento di Lettere-Lingue, letterature e civiltà antiche e moderne, das que cómpre resaltar a súa inmensa curiosidade intelectual e saber, e ás que lles debemos agradecer o seu marcado espírito altruísta e o seu sincero apego a Galicia.

Animo á comunidade universitaria de Perugia a achegarse ao fascinante universo lingüístico, literario e cultural de Galicia, unha aventura intelectual (e afectiva) da que non quedará ninguén defraudado, como non o quedaron as miles de persoas que, nos últimos vinte anos, iniciaron esta empresa ligada ao saber e o coñecemento nas universidades de Europa, América e máis recentemente en Asia nas que Galicia, na súa condición de entidade lingüística e cultural, forma parte do seu plan de estudos.